10 Poemas de Manuel María Fernández 

CANCIÓN PARA O SIL

Meu vello Sil cantareiro,
meu vello Sil cantador,
¡chegas feliz e riseiro,
marchas riseiro e cantor!

Meu vello Sil pelengrín,
viaxeiro e namorado:
¡pasas a ponte en Petín
e ollas o pazo de Arnado!

Meu vello Sil das canciós,
vagamundo e tarabelo:
¿lembras as vellas lexiós
na ponte de Sobradelo...?

Eu quero que me respondas,
vello Sil das aureanas:
¿aínda viven nas túas ondas
as doces ninfas paganas?

Meu vello Sil dos romanos,
detén o paso, non corras:
¿hai lugares máis humanos
que as terra de Val de Orras?

70.00%

votos positivos

Votos totales: 40

Comparte:

CERVO

Cervo en liberdade, luz e aire:
ábreste docemente como
unha raiola de lúa enfeitizada
na terra carnal dos nosos soños
e fas sagrado o bosque rumoroso.

A arboreda xentil que te coroa,
grave e lene -tal a brétema-
é a única alborada que pode
facer agromar do corazón
unha música pura e misteriosa.

Cervo que baixas con urxencia
a nidia limpidez da auga fría
para cumprir o rito de beber
as cores o os misterios da mañá.

Cervo, camelia tremelante,
marabilloso Outono en plenitude:
convérteste en espello,
salouco lonxano e esvaído,
lene melancolía vagorosa
e fulgor que cega: como o lóstrego.

67.44%

votos positivos

Votos totales: 43

Comparte:

SEI DUN PAÍS

Sei dun país que existe e non existe:
é unha patria terreal e humana
que envellece comigo día a día.
Teño na lembranza o seu recendo
a terra húmida, rosas e loureiro.
Habito as súas cidades exemplares
feitas de amor, dor e pedra grá
con árbores e rúas silandeiras
que van desembocar a prazas íntimas
de nomes de estrela ou andoriña.
Nos meus ollos levo as súas paisaxes,
a máxica xeometría das súas casas,
o seu ceo limpo, azul‐grisento,
sucado de leves nubes camiñantes,
de brétemas vagas como anceios
e luceiros que queiman como brasas.
Nos meus ouvidos gardo o son sutil
do vento cantando nos carballos,
o musical murmurio dos seus ríos,
o berro escuro e forte dos seus mares
e os versos que din as arboredas.
Esta patria existe. Eu vivo nela.
Non ten odios, rancores nin envexas.
Nunca souben, nin sei, o nome seu.
Mais cando desexo nomear a este país
os meus beizos énchense de luz
e, dende o fondo do ser, digo: SALETA.

58.82%

votos positivos

Votos totales: 17

Comparte:

A LUZ DO CORAZÓN

A única palabra verdadeira
que se escoita unha vez
en toda a vida:
aquela
que revelan os deuses
vaise adelgazando,
luíndose, perdendo a súa
imprecisa materia corporal,
facéndose lixeira,
translúcida,
in-mar-ce-sí-bel
até que se converte
en rosa, lúa, caravel
ou preciso salouco dun paxaro
que nos enche de luz o corazón.

54.17%

votos positivos

Votos totales: 24

Comparte:

NATUREZA SENSÍBEL

As xestas teñen fala de valados,
por iso o sangue das súas veas
leva todo o amor do labrantío.

A cinza do chao tamén ten
ingratitudes churrusqueiras
e mata a todos os grilos
que atopa por entre as leiras.
Esa xesteira amarela
non leva nubes, non leva.
Tan só a trasmao dicía:
"a vaca teixa non turra...".
E a vaca teixa nas cornas
levaba presas estrelas
das que se apropiou a note
ao beber auga na fonte.
As nubes brancas bicaban
o lombo escuro das xestas
e as breixas, cos seus coitelos,
ían cortando folerpas.
A noite co seu misterio
tremelaba de friaxe.
¡E a xesteira reverquía
un sangue mouro de laxes!

50.00%

votos positivos

Votos totales: 12

Comparte:

CANCIÓN DA RÚA DO CARDENAL

Cardenal, rúa ou raíña,
de beleza sorprendente:
¡a ollada túa aloumiña
ao Monte de San Vicente!

A túa estrela sempre acerta
coas roitas da fantasía:
¡Cardenal, ancha e aberta,
que acaban na Compañía...!

Ouh Cardenal, flor das rúas
con galerías sen par
¡que teñen lembranzas túas
e non as queren contar...!

Acéndeste, ruborosa,
e brillas como un rubí,
¡Cardenal, moza xeitosa,
se oes dicir ben de ti!

Cardenal, rúa perfecta
e corazón da cidade:
¡materia de vida feita
con soños de eternidade!

50.00%

votos positivos

Votos totales: 12

Comparte:

MITO

Unha pinga de orballo,
o recendo da rosa,
a memoria dun xesto,
o tremor dunha sílaba,
permanecen no tempo,
grávanse a lume e ar
na conciencia daqueles
máis atentos e lúcidos
e fanse mito.
¡Mito!
Único símbolo posíbel
que os deuses poderosos
aceptan e comprenden.

50.00%

votos positivos

Votos totales: 12

Comparte:

SOÑOS FUXIDÍOS

Os meus febles soños melancólicos
sempre me foxen para Bretaña.
E cando voltan
traen gusto a codeso,
saramago, xesta e hidromel.
Ás veces sangran
polas feridas que lles fan
as duras espiñas das silveiras.
En ocasiós demoran moito
contemplando dolmens,
estraños petroglifos,
cruceiros e calvarios populares
ou entretéñense querendo descifrar
a forte cadencia melodiosa
do idioma bretón que ten
música de vento e cantería.
De raro en raro os soños meus
quedan pendurados nas ponlas
das abidueiras e salgueiros
en figura de néboa esfarrapada
para ollar correr os ríos
e deixarse adormecer
ao seu murmurio de gaita familiar.
Teño que ir a Rennes novamente
e escoitar o mar en Saint Maló.

50.00%

votos positivos

Votos totales: 10

Comparte:

PRIMAVERA AZUL

No mundo é sempre Primavera.
Sempre. Sempre.
Por moito
que queiran e que intenten
prohibila, afogala, asasinala
rexurde xoven, pura, inmaculada,
inocente, incontíbel, poderosa.

O mundo azul, Venus, Primavera,
a primeira luz que aluma
e lle dá ás cousas transparencia,
reconciliando ao home co universo.
E que fai que o noso instinto
sexa un corrente caudaloso e puro.

[...] A Primavera é azul: tal os ríos
do noso bon país.
Como as veas
nas que corre -seiva fecundante-
o noso sangue abrasado e soerguido
que berra, canta, clama ao ceo
e pide, sen máis, perpetuarse.

50.00%

votos positivos

Votos totales: 20

Comparte:

O FUTURO SERÁ NOSO

Chamei, de xeito pesado e insistente, a cada
porta, batín en todos os corazóns,
petei en todas as conciencias,
andei os camiños que a vida e o azar
puxeron diante dos meus ollos,
berrei ata rebentar os pulmóns
e quebrar a miña voz como un cristal,
malgastei o herdo de paixón que recibín
dos nosos antigos máis amigos
e, ás veces, atopei unha compaña
amiga e solidaria, xentes xenerosas
máis atentas ao destino común
que aos seus pequenos egoísmos persoais.

Tamén tropecei con traidores, oportunistas
e moitos, moitos desertores.

Con todo, mereceu a pena tanto esforzo;
o futuro – non o dubidedes – será noso.

Déixovos o que teño: a miña escura voz
para que cando sexa somente
a sombra dunha sombra moi lonxana
alguén se lembre de min na miña tribo
do mesmo xeito que a folla dun carballo
lembra a brisa que agarimou algunha vez.

50.00%

votos positivos

Votos totales: 14

Comparte:

Desde el 1 hasta el 10 de un total de 10 Poemas de Manuel María Fernández

Añade tus comentarios